Ignacio Ramonet fala de Nunca Máis

Ignacio Ramonet
É, sen dúbida, un dos xornalistas e pensadores máis prestixiosos e influintes do
mundo. Teórico da globalización, experto en xeopolítica e extratexia
internacional, promotor do Foro Social Mundial, Ignacio Ramonet tamén é un
emigrante galego. Investido Doctor Honoris Causa analisa nesta entrevista os
efectos do Prestige e o movimento cidadá nacido desta traxedia. Tamén propón a
súa solución para que remate a intoxicación informativa: o Quinto Poder.
Veñen de investilo como Doctor Honoris Causa da Universidade de Santiago de
Compostela. ¿Qué representa para vostede que ten recibido tantos premios e
recoñecimentos?
É o recoñeciento público dun esforzo teórico que, moitas veces, realicei moi en
solitario e moi de combate. Contemplo como o recoñeciento da validez dos
traballos que estiven a realizar. Ten, ademais, un significado moi particular
porque a USC é unha das máis antiguas de Europa e das de maior prestixio e
recoñecemento. Ademáis, é a universidade por antonomasia de Galiza. Son un
galego do exterior, levo na emigración desde os dous anos, polo tanto, este
doctorado é tamén unha maneira de que a propia terra che recoñeza o traballo
algo sempre moi grato. Na medida en que este doctorado se me concede en Ciencias
da Comunicación ten aínda un maior significado, pois estiven axudando desde o
comezo á criación desta facultade e nela estive dando un seminario cando aínda
era un embrión. Polo tanto, que esta facultade me dese o primeiro doctorado
éncheme de emoción.
Vostede é un dos maiores teóricos sobre a globalización. ¿Como olla o papel
dunha cultura minorizada como a galega neste contesto de mundialización?
A globalización conduce a unha homoxenización. O que desexa é que en todo o
mundo se consuma, coma e viva da mesma maneira para vender produtos
suplementarios. Polo tanto, toda cultura singular moléstalle. Por outra parte, a
globalización está contra o Estado, polo que non lle interesa os estados
demasiados fortes ou extensos. Daquela, ten tendencia a fragmentar os estados.
¿Non é contraditorio?
En absoluto. Acomódase perfectamente. O que tentan é que un galego, un bosnio,
un basco ou eslovaco, etc, vivan como americanos. Poden ter a lingua que queiran,
pero se ve películas amaricanas, escoita a Madonna, consume McDonalds, constrúa
autopistas..., tanto lles ten que falen unha lingua ou outra.
O problema está a que denominamos cultura minoritaria. A lingua é un rasgo
identificatorio absolutamente capital. Diría que é a nacionalidade de un. Se nos
contentamos en falar unha língua exclusivamente, non chega. Unha cultura é moito
maís importante. É capital ter unha cultura do territorio. Por exemplo,
conservar unha paisaxe é moi importante. Por iso cando ocurre o do Prestige é un
atentado contra un aspecto fundamental da identidade galega, que son as costas
galegas. A paisaxe tamén nos constitúe. Por exemplo, os corsos fixeron da loita
pola protección da paisaxe unha loita máis importante que a da protección da
lingua. Hai que combinar todas estas cousas: a lingua, a paisaxe, a cultura, as
comidas, o xeito de vivir... Non se trata de musealizar, de crear unha reserva,
evidentemente, senón de preservar unha forma de cultura que estea asociada a
unha modernidade, a unha creatividade, a unha singularidade.
UN MODELO DE CULTURA
¿Cal sería o modelo?
Evidentemente o xaponés. A asociación dunha concepción da ciencia e da técnica
practicamente futurista coa preservación de rasgos da identidade extremadamente
fortes e protexidos. A todo isto habería que engadirlle unha terceira dimensión:
a popular. Afortunadamente, o nacionalismo galego ten esa característica. Niso é
diferente ao catalán, que é un nacionalismo burgués e ao basco que é un
nacionalismo moi marcado polo catolicismo e, en parte, marcado tamén pola
fascinación pola violencia. O nacionalismo galego, sendo democrático e popular
presenta proposicións que poden facer que se vaia a unha concepción que permita
contrarrestar os efectos máis negativos da globalización.
¿Como analisa o movimento popular que se creou na Galiza logo da catástrofe do
Prestige?
Primeiramente é preciso dicir que esta traxedia ten un aspecto positivo: Galiza
coñecese agora no mundo enteiro. Esta é unha das catástrofes máis importantes
que se produciron no mundo e, diría que, máis ineptas. O mundo enteiro
escandalizouse pola maneira que se levou este asunto. Existiu unha imensa
solidariedade internacional coa poboación galega. Os voluntarios son un xeito de
entroncar Galiza co movimento social mundial. Xa había aquí grupos, pero
apareceu o movimento de voluntariado, de solidariedade, estes grupos de
marieñeiros movilizados... Era levar á práctica o que en Porto Alegre levabamos
anos tratando de demostrar á xente. A catástrofe do Prestige hai que vela como
unha manifestación da globalización: pretroleiros, egoismo, o non respeto da
reglas, a comercialización de todo... É unha caricatura da globalización. A
resposta foi típica do que é un movimento social.
É logo un movimento equiparábel...
Nunca Máis pódese equiparar cos agricultores contestatarios de José Bové en
Francia, cos movimentos indíxenas en América Latina, cos movimentos urbanos e
ecoloxistas na India, con algunhas organizacións sicilianas que loitan contra a
desertificación... É a reacción típica dunha época e dun tipo de loitas. Nunca
Máis non é nada do outro mundo, Galiza non está á marxe do movimento social
internacional. Nunca Máis é a expresión da participación de Galiza no movimento
social internacional, á gran sociedade civil global.
A REPERCUSIÓN DE NUNCA MÁIS
¿O tratamento recibido dos medios de comunicación tamén será semellante ao que
reciben noutras partes estes movimentos?
O que máis leo de aquí é La Voz de Galicia. Penso que fixo un bó traballo na
denuncia da catástrofe e en darlle dimensión ás consecuencias. Desde o exterior
podíamos darnos unha idea do que pasaba aquí que, supoño, seredes moito máis
críticos con esta información. O que é máis difícil de percibir desde fora é
como se valorizou o movimento social, Nunca Máis concretamente.
¿E a repercusión a nivel internacional...?
O movimento de voluntariado chegou a extremos increíbeis. A manifestación de
París, na que intervín, foi multitudinaria. Logo a de Bruxelas, que, ao
realizarse despois das eleccións moita xente se desmobilizou, pero así e todo
foi magnífica.
Podo dar testimonios persoais de que o voluntariado foi moi lonxe. Houbo miles e
miles de xóvenes de Europa que viñeron aquí a traballar, sen saber cales eran as
consecuencias, para axudar aos damnificados. Moitos nen sequer coñecían onde
quedaba Galiza.
Falaba antes da sorpresa polos resultados electorais. ¿É algo común tamén a
outros movimentos semellantes?
Cando un movimento social se manifesta con forza, non sempre ten unha tradución
en votos. Esa é unha realidade. Nós seguimos con moito interese o movimento
social indíxena en México: nin se traduciu en votos nin en leis que satisfagan
aos indíxenas. En Francia o movimento dos agricultores tampouco se traduciu en
votos.
O que ocurre é que a impresión internacional que se tiña de Galiza é que a
administración do Estado se comportara dun xeito totalmente ineficaz. Por iso se
pensaba que os electores podían sancionalos. Sobre todo porque ao ser uns
comicios locais terían un menor coste, por ser uns eleccións onde non se
cambiaba a maioría dun país. Por iso sorprenderon os resultados.
"ESTANNOS CONTAMINANDO A ALMA COA INFORMACIÓN"
Na súa investidura como Doctor falou do Quinto Poder, o dos consumidores de
noticias. ¿Cómo se pode artellar este Quinto Poder nunha sociedade dependente a
nivel estatal como a galega nunha etapa de globalización?
O que chamo Quinto Poder é unha faceta do movimento social mundial. O Quinto
Poder no marco dos media é sinxelamente os cidadáns que se organizan para ter un
mínimo de garantía de que a información que consumen é de calidade. O que estou
propoñendo con este Quinto Poder é exactamente o que as organización ecoloxistas
crearon hai moito tempo para garantirnos que o medioambiente vai estar protexido
ou que a alimentación vai ser de calidade. Existen toda unha serie de
publicacións de organizacións de consumidores que se organizan para garantir aos
que son membros que o que consumen é de calidade tecnicamente ou éticamente (non
fabricado por nenos, prisioneiros, etc). gustaríame que se tomase conciencia de
que o que consumimos diariamente, a información, ten os mesmos problemas que a
alimentación e, polo tanto, é necesario dotala dos mesmos filtros e garantías.
Estannos contaminando a alma coa información. Eu trato de facer ver a necesidade
de que apareza ese movimento. Pero outra cousa é que xurda de verdade. O Quinto
Poder hai que crealo. Aquí existen suficientes xornalistas, suficientes
universitarios, personalidades e consumidores de información para decir: é
indispensábel que aquí creemos un organismo que verifique que non se está a
enganar os cidadáns.
¿É posíbel crear ese Quinto Poder sen uns mínimos medios de comunicación propios
nunha sociedade chamada da información?
Ten que ser un organismo cunha honestidade garantida. Publicará uns informes
anuais como Amnistía Internacional o fai coas libertades. Uns informes feitos
coa garantía.
Os medios van estar en contra, non van ter trascendencia...
Non se dirixen só aos medios. Pódese utilizar internet. Toda a rede alternativa
de información, como A Nosa Terra. Tamén hai radios comunitarias... Pódense dar
conferencias. Hai moitas maneiras de facer entender á opinión pública que existe
un instrumento.
¿Que papel teñen os medios chamados alternativos nesta sociedade? ¿Esa
definición non lles está xa cortando xa a súa incidencia?
Eses medios son alternativos aos grandes medios dominantes. Forman parte do que
podíamos chamar contrapoder. Se se comportan como os demais: se esaxeran, se
difunden mentiras, se dan unha información que non sexa rigurosa..., sexan
alternativos ou non alternativos non axudan. Estes medios teñen que ser un
exemplo mesmo de información seria, etc. Teñen que presentarse precisamente como
a información que non circula, que en realidade non existe. Exemplo da
información censurada, en definitiva. Na vez de chamalo medio alternativo seria
millor chamarlle medio de contrainformación.
Pero a industria da exclusión, de ser diferente, é a etiqueta que che pon xa o
poder para minorizarte.
Ese é o problema. Non hai que querer alcanzar ao grande público de repente. Esta
fascinación polo grande público é o que leva á maioría dos medios a facer toda
caste de sacrificios que racha con todo e pervirte o xornalismo. Hai que
dirixirse aos que queiran estar ben informados. Hai que apostar sobre o feito de
que sociedades cultas como a nosa, hoxe Galiza é moito máis culta que hai 30
anos, non soportan a mediocridade da información que consumen. Hai que facer a
mesma aposta que coa alimentación. A alimentación orgánica é máis cara ca outra
e non se vende nos grandes supermercados, hai que ir a pequenas tendas. Hai que
apostar porque a boa información acabará por triunfar.